O sindicato CIG vén de amosar a súa preocupación pola situación na que queda o cadro de persoal de Linorsa, concesionaria da limpeza en institucións e dependencias públicas, trala entrada da empresa en concurso de acredores.
A central tivo coñecemento este venres de que Linorsa solicitou a entrada voluntaria en concurso de acredores o pasado 19 de abril, a pesar de que o día 18 mantiveron unha xuntanza coa empresa na que lles negaron esta posibilidade.
Entenden que as débedas que a empresa mantén dende hai anos coas traballadoras van ser "moi difíciles de liquidar", tendo en conta que no proceso "prima o ben común sobre o individual, polo que o cadro de persoal sería o último en cobrar".
Neste senso, lembran que a compañía ten unha débeda de 180 mil euros coa Seguridade Social e de preto de dous millóns con Facenda. Con todo, anuncian mobilizacións no caso de que Linorsa non pague as cantidades pendentes.
Finalmente, dende a CIG insisten en que todo isto non tería pasado se a empresa tivese entregado a documentación económica e as administracións velasen polo cumprimento dos pregos de condicións.