As traballadoras de Linorsa que se encargan da limpeza da Cidade Infantil "Príncipe Felipe", que depende da Deputación, móstranse indignadas ante o que consideran un engano por parte do goberno provincial.
A través dun comunicado de Comisións Obreiras, as traballadoras entenden que existe unha diferenza de trato por parte da presidenta da Deputación, Carmela Silva. Sinalan que en Vigo, o goberno local no que a presidenta provincial é tenente de alcalde, presionou para que os traballadores da empresa cobrasen os seus salarios e que Linorsa cedese os contratos que mantiña co Concello.
Con todo, sinalan que en Pontevedra, o persoal desta empresa só saca "promesas". Desde Construción e Servizos de CC.OO. afirman que o 20 de abril reuníronse coa deputada Eva Villaverde e con Santos Héctor. Naquel encontro, as traballadoras entenden que se lles enganou porque os deputados tiñan que ser coñecedores de que Linorsa estaba a preparar o concurso de acredores e que non llo comunicaron ao persoal.
Está previsto que as empregadas inicien unha folga nos centros de saúde polo atraso nos salarios para partir do 3 de maio.