Linorsa debe 3.000 euros a cada traballadora da limpeza na Cidade Infantil Príncipe Felipe

Pontevedra
18 de maio 2016

Representantes do comité desta empresa adxudicataria do servizo de limpeza da Cidade Infantil Príncipe Felipe, dependente da Deputación, apuntan que Linorsa debe ás 14 empregadas arredor de 3.000 euros. Reclaman a rescisión inmediata do contrato

José Luis García Pedrosa e Luis Rodas, de CC.OO., con representantes do comité de empresa de Linorsa
José Luis García Pedrosa e Luis Rodas, de CC.OO., con representantes do comité de empresa de Linorsa / PontevedraViva

As catorce empregadas de Linorsa, entidade que realiza a limpeza da Cidade Infantil Príncipe Felipe, sinalan que a empresa lles debe a metade da nómina de decembro, a paga extra de marzo, atrasos do convenio colectivo de 2014-15 e tampouco cobraron a nómina de abril. En total, as 12 traballadoras e os dous operarios que realizan este servizo non percibiron ao redor de 3.000 euros da súa nómina. Por este motivo, a través de Comisiones Obreras, representantes do comité de empresa reclaman á Deputación provincial que rescate o contrato de maneira inmediata para poder adxudicar a concesión a outra entidade que garanta o pago ao  persoal.

Linorsa atópase en concurso de acredores e o secretario comarcal de CC.OO., José Luis García Pedrosa, espera que o Xulgado do Mercantil levante o embargo establecido por parte da Seguridade Social e de Facenda. Segundo explica o dirixente sindical, desta forma a empresa podería contar con ingresos para adquirir material e abonar as nóminas.

Para García Pedrosa, en calquera caso, carece de sentido que a Deputación non rescate a concesión cando xa o fixeron tanto o Concello de Vigo como o SERGAS noutros servizos públicos. "Que se deixen de aparentar preocupación" cando, segundo sinala, non se puxeron en práctica as medidas necesarias para resolver esta situación malia os encontros mantidos entre as traballadoras e a deputada Eva Villaverde.

Os representantes do comité de empresa estudan a opción de retomar os actos de protesta no caso de que desde a organización provincial non se adopten medidas que permitan o cobro dos salarios.