As traballadoras do servizo de limpeza do Centro Príncipe Felipe, pertencentes á empresa Linorsa, reuníronse en asemblea este xoves decidindo por maioría convocar unha folga indefinida.
O persoal de Linorsa na Cidade Infantil asegura estar "cansado do trato e a falta de solucións" por parte da Deputación e dos "incumprimentos", polo que decidiu convocar este paro, que terá carácter indefinido, a partir do próximo día 20 de xuño.
Desde o sindicato Comisións Obreiras mostraron a súa "indignación" coa deputada, Eva Villaverde, responsable do Príncipe Felipe, "xa que desde o pasado mes de abril que se comprometeu con todo o persoal a solucionar a situación das traballadoras, a día de hoxe, esta non fixo máis máis nada que empeorar".
Este sindicato sinala que durante este tempo a débeda da empresa coas traballadoras aumentou ao non pagar as nóminas.
Nunha reunión co persoal celebrado o pasado mes de abril, os deputados Eva Villaverde e Santos Héctor, anunciaron que a Deputación de Pontevedra ía iniciar un procedemento para sancionar á concesionaria da limpeza da Cidade Infantil Príncipe, Linorsa, e rescindir o contrato no caso de que a empresa non abonase "de inmediato" os pagos pendentes ás traballadoras.
Por este motivo agora as empregadas de Linorsa piden que cumpra coa palabra dada.