Ramón Agulla, en nome da xunta directiva da asociación de veciños Héroes de Ponte Sampaio, mostra a súa preocupación polo atraso no inicio das obras de construción do novo campo de fútbol previsto para a parroquia pontevedresa. Desde este colectivo enténdese que xa deberían estar a se executar os traballos durante os meses de vacacións escolares. A asociación teme os problemas que poida ocasionar a obra que se realizará a poucos metros do centro educativo afectando a toda a comunidade escolar.
Por este motivo, Héroes de Ponte Sampaio cre que estes dous meses e medio de vacacións lectivas serían oportunos para realizar as obras de explanación e construción de muros, ademais de todas aquelas que requiran o uso de maquinaria pesada. Consideran que as obras durante o curso provocarán ruídos e converterán as clases nun "caos".
A directiva da asociación alerta de que o Concello de Pontevedra anunciara que o campo estaría listo para o inicio da próxima tempada. Ramón Agulla tamén reclama ao goberno local que as obras de calado na parroquia deben ser expostas en Ponte Sampaio para que os veciños poidan participar e ofrecer o seu punto de vista, unha circunstancia que, segundo denuncian, non se está producindo durante os últimos anos.