Preocupación polo uso de motos acuáticas a gran velocidade no río Verdugo

Soutomaior
09 de xullo 2024

O goberno local de Soutomaior solicita á Garda Civil e organismos competentes que realicen unha vixilancia do tráfico no río que transcorre polo municipio. Alerta do perigo que supoñen estes vehículos a velocidade excesiva para as persoas que se bañan no Verdugo

Praia fluvial da Xunqueira de Arcade no río Verdugo
Praia fluvial da Xunqueira de Arcade no río Verdugo / Concello de Soutomaior

O goberno local de Soutomaior solicitou á Garda Civil e outros organismos competentes en seguridade que leven a cabo a vixilancia do tráfico no río Verdugo.

Indican desde o Concello que a veciñanza detectou a presenza de varios vehículos motorizados, principalmente motos acuáticas, percorrendo o río a unha velocidade excesiva, superior á permitida para a navegación.

A normatifva establece unha velocidade máxima de tres nós, ao redor de 5,5 quilómetros por hora.

Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, indica que é necesario garantir a seguridade das persoas que utilizan o río para bañarse "xa que poden verse arrolladas por este tipo de vehículos cando discorren polo río a unha velocidade excesiva".

Ademais, indican que é necesario protexer a fauna e flora fluvial en ambos os laterais do río. O Concello indica que estes vehículos motorizados causan danos nestas zonas.

Lourenzo afirma que desde os organismos competentes han atopado unha "total predisposición" para resolver este problema e realizaranse accións de vixilancia.

Desde o Concello piden a calquera persoa que sexa testemuña dunha conduta temeraria que se poña en contacto de inmediato coas autoridades para detectar aos infractores.