Presentan a Unidade de Exercicio Físico Oncolóxico como novo servizo gratuíto na AECC de Pontevedra

Pontevedra
27 de maio 2022

Está dirixido a pacientes diagnosticados hai pouco tempo, en tratamento e pacientes con secuela post-cancro. Segundo indican desde a Asociación contra o Cancro, o exercicio físico oncolóxico ofrece múltiples beneficios entre os que destacan a melloría da calidade de vida, a redución da fatiga e a dor, a melloría da mobilidade e tamén a mellora psicosocial con menor impaco depresivo e de ansiedade

A fisioterapeuta Lorena Núñez na AECC Pontevedra
A fisioterapeuta Lorena Núñez na AECC Pontevedra / AECC Pontevedra

A sede da Asociación contra o Cancro en Pontevedra, que se atopa na rúa Eduardo Pondal, ofrece un novo servizo todos os martes e xoves, en horario de 16.30 a 18.30 horas. Trátase dunha Unidade de Exercicio Físico Oncolóxico, de carácter gratuíto e dirixido a pacientes que foron diagnosticados recentemente; en tratamento e a pacientes tamén con secuelas tras superar a enfermidade.

O exercicio físico oncolóxico defínese como o establecido baixo unhas pautas e controlado por un profesional neste ámbito, co obxectivo de reducir ou previr os efectos secundarios dos tratamentos oncolóxicos de forma individualizada e que mellora a saúde e calidade de vida dos pacientes.

Neste caso, unha fisioterapeuta titulada, Lorena Núñez, analizará e traballará con pacientes de maneira individualizada para adaptar o tipo de exercicio e a intensidade ás necesidades que presenten. Realizaranse exercicios para a prevención de  linfedema; de chan  pélvico para pacientes con cancro de próstata, colon, xinecolóxicos, vexiga; prevención de incontinencia urinaria; e exercicios respiratorios con patoloxías pulmonares, entre outras propostas.

Todas as persoas interesadas en ampliar información sobre este servizo ou solicitar unha cita poden poñerse en contacto coa asociación a través do teléfono gratuíto 900.100.036, dispoñible durante as 24 horas; ou a través do correo electrónico: [email protected]

A Asociación Española contra o Cancro en Pontevedra quere con esta nova opción ofrecer resposta a unha necesidade que solicitaban os seus usuarios desde hai tempo ao demandar ferramentas que lles permitan recuperar a súa vida despois de pasar polos tratamentos contra a enfermidade