Presentan o primeiro caderno de viaxe da cidade de Pontevedra

Pontevedra
25 de xuño 2015

"É unha visión da cidade moi íntima e persoal que vale tanto para a xente que ven visitar Pontevedra como para os propios pontevedreses"

Autores do caderno de viaxe "Prismas da cidade"
Autores do caderno de viaxe "Prismas da cidade" / Mónica Patxot

A Casa das Campás acolleu este xoves a presentación da publicación "Prismas da cidade" que é o resultado da iniciativa que leva o mesmo nome inscrita dentro do proxecto Tangram 2015.

Segundo explicaron as concelleiras de Turismo e Cultura, Anabel Gulías y Anxos Riveiro, é unha iniciativa para a que se recompilaron "visións moi diferentes" de Pontevedra, "é o noso primeiro caderno de viaxe", e coa publicación na man afirmou que "estamos encantados do resultado final".

O vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, explicou que este proxecto ten un "carácter transversal" que permite á institución académica non só "estar implicada coa cidade, senón estar presente nela", dándolle un especial protagonismo á creatividade, no marco do proxecto de especialización Crea do campus pontevedrés que implica aos estudantes das facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación, Belas Artes e Ciencias da Educación e do Deporte.

"É unha visión da cidade moi íntima e persoal que vale tanto para a xente que ven visitar Pontevedra como para os propios pontevedreses", dixo Corbacho respecto a esta publicación que se distribuirá nas casetas de información turística e tamén se repartirá entre os novos estudantes que se acheguen o vindeiro curso a Pontevedra, "para darlles a benvida".

Na realización deste proxecto tamén participou Ana Seoane, membro do espazo cultural Portal 48, que explicou que o caderno de viaxe ten un formato libro no que se reúnen as "visións personais e vivenciais" de 20 persoas, algunhas delas estudantes ligados ás diferentes titulacións do campus, que amosan "o seu cachiño da cidade", é dicir, é como ve Pontevedra un deportista, unha ilustradora ou alguén vinculado á comunicación.

Entre outros contidos tamén inclúe un xogo cun tesouro coma recompensa, un mapa interactivo para usar en Instagram, ou un percorrido feito por un neno por aquelas prazas onde máis lle gusta xogar.