Presentan unha queixa ante a Valedora do Pobo polo abandono dos petróglifos de Barro

Barro
18 de xullo 2018

Dous colectivos dedicados á defensa do patrimonio, A Forneiriña e Anova Terra, presentaron unha queixa ante a Valedora do Pobo pola situación de abandono na que se atopan os petróglifos situados no concello de Barro

Petróglifo de Pedra Mirtada, en Barro A Forneiriña

Dous colectivos dedicados á defensa do patrimonio, A Forneiriña e Anova Terra, presentaron unha queixa ante a Valedora do Pobo pola situación de abandono na que se atopan os petróglifos situados no concello de Barro.

En concreto, expresan o seu temor ante o risco que axexa ao cruceiro de Faxil, que leva máis de dous anos torcido; os petróglifos de Castro Loureiro, situados no monte veciñal da parroquia de Portela; e os petróglifos de Outeiro Codeso e Pedra Mirtada, situados no monte veciñal da parroquia de Perdecanai.

Os petróglifos atópanse, segundo estas asociacións, rodeados e acubillados pola maleza que impide a súa visión e supón unha ameaza para a súa integridade en caso de incendios.

Ambos colectivos presentaron varias denuncias ante as administracións competentes poñendo en evidencia o desleixo polo patrimonio arqueolóxico deste concello.

Nas denuncias recóllese o estado de abandono de conxuntos de petróglifos, plantacións de eucaliptos no entorno dos mesmos e un cruceiro inclinado. 

Ademais das consellerías de Cultura e Medio Rural, ante as que se presentaron denuncias, A Forneiriña e Anova Terra tamén reclaman ao Concello de Barro que poña fin á súa falta de interese polos seus bens arqueolóxicos.