Prohibición de encher piscinas e regar xardíns para evitar cortes de auga en Portas

Umia
15 de xuño 2026

O alcalde asina un bando ante o forte incremento do consumo detectado nas redes municipais durante as últimas semanas

Ricardo Martínez, alcalde de Portas
Ricardo Martínez, alcalde de Portas / Concello de Portas

Coa chegada da calor, o Concello de Portas activa as primeiras medidas para protexer as súas reservas de auga potable.

Ricardo Martínez, alcalde de Portas, publicou este sábado 13 de xuño un bando municipal no que solicita a colaboración directa de toda a veciñanza para realizar un consumo estrito e responsable do abastecemento público de auga.

A decisión do goberno local chega tras detectar un incremento notable no uso da auga en todo o municipio nestes primeiros días de altas temperaturas en xuño.

Desde a alcaldía lembran que unha parte importante dos residentes en Portas dependen de xeito exclusivo da rede pública para o seu día a día doméstico, polo que un exceso de consumo nesta época do ano pode poñer en perigo o servizo común.

Co obxectivo de evitar problemas de desabastecemento ou a necesidade de aplicar cortes horarios no suministro nos vindeiros meses, o bando fixa restricións inmediatas.

A partir desta semana, o uso da auga queda limitado ás necesidades domésticas básicas.

O Concello recolle de xeito explícito a prohibición de encher piscinas, así como de regar leiras, hortas ou xardíns, ademais de calquera outra actividade que non se considere indispensable.