As bolsas de mestres composteiros que convoca a Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Revitaliza reunirán este venres día 3 a 14 candidatos por cada unha das prazas existentes. Alí, no auditorio do Centro Príncipe Felipe, celebrarase a primeira proba de selección, que será un exame tipo test de 100 preguntas.
A Deputación recibiu finalmente 232 solicitudes para participar no proceso de selección da segunda convocatoria das bolsas.
Logo de revisar toda a documentación presentada polos aspirantes, o departamento de Recursos Humanos da Deputación tivo que excluír a 20 candidatos posto que non cumprían os requisitos das bases, principalmente por non achegar a titulación esixida na convocatoria, mais tamén por presentar a solicitude fóra de prazo, non ter finalizados os estudos con anterioridade a xaneiro de 2005, non achegar o certificado de nivel de lingua correspondente ou non entregar a tarxeta de demandante de emprego ou mellora de emprego.
En calquera caso, a porcentaxe de excluídos é moi baixa, xa que non chega nin ao 10%, e están convocados a exame finalmente 212 persoas.
A dotación económica das bolsas que conseguirán os mestres composteiros ascende a 1.400 euros ao mes, que inclúen gastos por dietas e desprazamentos. A duración das prácticas será de seis meses dende a súa incorporación prorrogables ata un máximo dun ano.