A fábrica de Ence en Lourizán inicia este luns a súa parada técnica anual que se prolongará ata o venres 27 de setembro.
Segundo informaron desde a compañía pasteira, nesta parada operarán preto de 1.600 traballadores adicionais aos empregados habituais da planta.
"A compañía executará un plan de traballo para incorporar novas tecnoloxías e mellorar as xa existentes", informan.
Ence destinará a estas actuacións un investimento de dez millóns de euros, dos que oito millóns corresponderán a "labores de mantemento da eficiencia" da fábrica e os outros dous millóns son para "investimentos extraordinarios co fin de mellorar as instalacións en termos de eficiencia e dixitalización".
Ademáis, destaca a compañía que "unha mostra significativa das empresas auxiliares que traballarán durante a parada técnica son galegas". A iso suma que outros servizos como o aloxamento ou manutención dos traballadores serán realizados por compañías da contorna da cidade pontevedresa.
Por último, apuntan que durante a parada, supervisarase rigorosamente o cumprimento de todas as medidas de seguridade dentro das instalacións.