Preto de 100.000 euros para dotar de mobiliario ao futuro Centro de Día de Marín

Marín
21 de novembro 2022

O Concello de Marín vén de realizar unha proposta de adxudicación para a compra do mobiliario co que se dotará a nova infraestrutura asistencial

Visita de María Ramallo, alcaldesa de Marín, ás futuras instalacións do Centro de Día
Visita de María Ramallo, alcaldesa de Marín, ás futuras instalacións do Centro de Día / Concello de Marín

O Concello de Marín realizou unha proposta de adxudicación para a compra do mobiliario co que se dotará ao futuro Centro de Día Público.

Nesta operación o goberno local investirá preto de 100.000 euros.

En concreto entre a relación de artigos a comprar atópanse sofás, taquillas, mesas, mobles de almacenaxe e de oficina, bancos, andeis, televisións e outros electrodomésticos dixitais.

Trátase dunha intervención necesaria para poñer en marcha a instalación asistencial, que estará situada na Casa do Mar, cedida pola Tesourería da Seguridade Social ao Concello e na que se investiron 240.000 euros para a súa remodelación, cofinanciados en algo máis dun 66% pola Consellería de Política Social.

Un espazo de rehabilitación, outro de lecer, lavandería e cociña son as dependencias coas que contará o Centro de Día tras unhas obras de acondicionamento que xa finalizaron á espera de recibir o mobiliario necesario para a súa apertura.