Preto de 200 rapaces participarán en Pontevedra nun congreso de educación ambiental sobre compostaxe

Pontevedra
29 de maio 2017

Rapaces do CEIP de Lérez, da EEI Verducido, do CEIP Valle Inclán de O Grove, CEIP Riomaior e CPI Toural de Vilaboa e CEIP Noalla-Telleiro de Sanxenxo exporán os seus proxectos escolares

Obradoiros de compostaxe para nenos Deputación de Pontevedra

Preto de 200 escolares de colexios de toda a provincia estarán este martes no Pazo da Cultura para participar no I Congreso de Educación Ambiental sobre Compostaxe para centros de ensino de Pontevedra organizado pola Deputación ao abeiro do Plan Revitaliza.

Os rapaces presentarán os proxectos sobre compostaxe que levan a realizar durante todo o curso nos seus centros de ensino da man dos seus profesores e en colaboración co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA).

O programa da xornada comezará ás 10.00 da mañá coa inauguración oficial a cargo do presidente en funcións César Mosquera; do director do CEIDA, Carlos Vales, e do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Despois chegará a quenda da presentación dos proxectos.

Entre as 10.30 e as 12 serán os nenos do CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez, baixo o título ‘Do composteiro á horta’; logo seguirá ‘Compostando coas mans na terra’, do CEIP Valle Inclán (O Grove); ‘Cooperativa Riomaior’, do CEIP Plurinlingüe de Riomaior de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa) e finalmente ‘Compostarte’, da EEI Verducido (Pontevedra).

Chegará entón o momento para unha peza de teatro, a cargo da compañía teatral Mofa e Befa, que representarán ‘Cociña Ecónomica’.

Finalmente, seguirase coa presentación dos proxectos ‘Noalla Compostando’ do CEIP Noalla-Telleiro (Sanxenxo) e ‘A nosa vida no Toural: Ecolóxica, saudable e natural’, do CPI do Toural (Vilaboa).

A xornada rematará cunha visita á Illa das Esculturas, para coñecer a súa diversidade de fauna e flora, e cos obradoiros didácticos da exposición ‘Imaxinar a Educación. 50 anos con Frato’ baseada no ideario do pedagogo Francesco Tonucci.