Preto de 400 veterinarios de España e Portugal abordarán en Pontevedra os temas emerxentes da profesión

Pontevedra
06 de xuño 2017

A data do congreso adaptouse para permitir a participación do convidado estrela, o italiano Claudio Bussadori, co que contactaron por cuarto ano consecutivo para pedirlle que colaborara. É o primeiro ponente a nivel internacional co que contan e un dos poucos especialistas que fan cirurxía cardíaca en España  

Presentación do Congreso Vetnoroeste 2017 Mónica Patxot

Entre 360 e 400 veterinarios chegados de distintos puntos de España e Portugal participarán esta semana no sexto congreso Vetnoroeste, no que abordarán entre este xoves 8 e o sábado 10 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra os temas emerxentes na profesión.

O presidente do Colexio Oficial de Veterinarios de Pontevedra, Luis Núñez; a vogal do colectivo, Antía Piay; e Licio Ferradás en nome de Sergave, unha das empresas organizadoras, presentaron a actividade este martes e explicaron que a curto prazo teñen na axenda esta iniciativa e tamén a sinatura dun convenio coa Deputación de Pontevedra para colaborar no congreso, pero tamén para dar apoio loxístico aos concellos para o rexistro de animais potencialmente perigosos e para a organización dun curso de formación. 

A concelleira Carmen Fouces acompañounos na presentación, en tanto que o Concello de Pontevedra colabora na organización deste congreso desde a súa primeira edición e destacou a importancia da cita, que reúne a profesionais de todo o noroeste peninsular en Pontevedra durante tres días. 

Luis Núñez indicou que o congreso inclúe cinco obradoiros, dos que catro xa teñen todas as prazas cubertas. No congreso en si participarán 280 persoas e nos talleres van 82 inscritos. Nas primeiras edicións houbo máis participación, ata 700 persoas, pero nesta limitouse o número de asistentes para facilitar a organización. 

A data do congreso adaptouse para permitir a participación do convidado estrela, o italiano Claudio Bussadori, co que contactaron por cuarto ano consecutivo para pedirlle que colaborara e finalmente o lograron. É o primeiro ponente a nivel internacional co que contan e un dos poucos especialistas que fan cirurxía cardíaca en España. Desprázase a unha clinica de Valencia para facela. 

A ecografía abdominal en gatos, o uso de fixadores externos en traumatoloxía de pequenos animais, a enfermidade renal, as crises respiratorias, a disnea ou os casos clínicos máis frecuentes na clínica de animais exóticos son algúns dos temas que se abordarán no congreso, que leva por título 'Temas emergentes en veterinaria' e cuxo programa pode consultarse aquí.

O Colexio de Veterinarios de Pontevedra ten 680 colexiados, do que uns 260 traballan en clínicas de pequenos animais -unhas 130 en toda a provincia- e o resto traballan na función pública ou en clínicas de grandes animais.