A sensibilidade da escritora María Vitoria Moreno, homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano, estivo presente no acto de celebración do 75 aniversario do nacemento do Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE en Pontevedra. O neno invidente José Souto, de 7 anos, regalaba a novela en braille 'Anagnorise' da autora a Calixto Hernández, un neno cego de Ávila. Calixto, á súa vez, regaláballe ao pontevedrés unha radio de ducha. Foi un dos momentos emotivos do acto que se celebraba este mediodía nas instalacións da organización en Campolongo.
Ata o Centro achegábanse diferentes responsables políticos e outras autoridades. Ana Pastor, presidenta do Congreso dos Deputados; Miguel Carballeda, presidente da ONCE; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; Digna Rivas, como representante da Deputación e Pilar Rojo, ex presidenta do Parlamento de Galicia. Todos gozaron dunha xornada de confraternidade na que case seiscentas persoas, entre elas, numerosos ex estudantes do Centro déronse cita en Pontevedra procedentes de puntos de toda a xeografía española.
O director do CRE, José Ángel Abraldes, foi o encargado de dar a benvida aos asistentes baixo o lema "Orgullosos do pasado, comprometidos co presente e ilusionados co futuro". Tras a súa intervención proxectáronse vídeos sobre a historia destas instalacións desde que naceu como colexio. O alcalde da cidade, Fernández Lores, destacou a relación da cidade co proxecto educativo da ONCE, mentres que o presidente da organización lembrou a importancia da educación de fronte ao futuro. Miguel Carballeda sinalou que é necesario apostar pola educación inclusiva.
Ana Pastor pechou o evento con palabras de agarimo cara a todas as persoas que pasaron polo recinto educativo ao longo dos anos e o labor social que se realiza desde a organización de cegos.
A continuación levou a cabo unha comida e unha tómbola, recuperando a tradición da festa de fin de curso. Despois chegou a quenda do festival con actuacións de antigos estudantes do centro, que concluíu cun vídeo de Serafín Zubiri, antigo alumno que, por motivos de axenda, non puido asistir a este 75 aniversario do Centro en Pontevedra.