Prevalecen as máscaras no primeiro día 'sen máscara'

Pontevedra
20 de abril 2022

Tras 700 días coa máscara obrigatoria en espazos interiores, este mércores 20 de abril, o primeiro día no que se permite a súa retirada, aínda que con excepcións, nun percorrido pola cidade de Pontevedra apenas se aprecian diferenzas con respecto a xornadas precedentes

Traballadores con máscara en espazo interior
Traballadores con máscara en espazo interior

Tras 700 días coa máscara obrigatoria en espazos interiores, este mércores 20 de abril, o primeiro día no que se permite a súa retirada, aínda que con excepcións, nun percorrido pola cidade de Pontevedra apenas se aprecian diferenzas con respecto a xornadas precedentes.

Os locais comerciais abriron as súas portas co persoal de atención ao público protexido con máscara. Neste caso, só os empregados dos establecementos sanitarios, como os de farmacia, están obrigados a facer uso deste elemento de protección, pero a imaxe deste primeiro día sen máscaras en espazos interiores é a dos dependentes das tendas ataviados con ela.

Tamén nas oficinas de atención ao público como Correos pódese comprobar que a máscara é a norma, a pesar de que os mostradores seguen equipados con paneis protectores de separación.

Entre a clientela, o uso de máscara tamén prevalece, apenas casos illados de persoas que a retiraban e sempre en espazos amplos, como o caso da tenda Mango na comercial rúa de Benito Corbal e que, á parte de ter todas as súas portas abertas, conta cun extenso interior no que a clientela transita con amplas distancias. Curiosamente, en canto se asomou a nosa fotógrafa, axiña unha clienta recolocouse a máscara, proba de que a antiga norma aínda está na mente de todos.

No salón de peiteado de homes París da rúa Marqués de Riestra, o seu propietario Enrique Lores explícanos que seguirán atendendo á súa fiel clientela coa máscara posta. Aínda que o seu establecemento ten a porta permanentemente aberta, prefiren seguir levando a máscara porque cren que así o cliente se sente máis seguro.

Enfronte, na pastelería Dalario Cake- Coffee, un home compraba un café para levar e, aínda que había distancia suficiente e o acceso ao local estaba totalmente aberto, mantiña a máscara posta. Os dependentes tamén a portaban, tanto na atención ao público como os dous pasteleiros que estaban en plena faena no obradoiro que se pode contemplar desde a tenda.

A uns poucos metros, na rúa Marquesa, o traballo era intenso na copistería Max Copy. Tres profesionais afanábanse tras o mostrador nas tarefas de imprenta mentres un cuarto atendía a un cliente. Todos portaban máscara. Juan Riveiro coméntanos que tanto durante a atención ao público como no traballo diario van usar máscara, xa que, aínda que con suficiente ventilación, no seu local están continuamente movéndose de máquina en máquina e é difícil manter as distancias.

Unha das dúbidas da xornada de hoxe era saber como se ían a organizar as actividades nos centros deportivos. Un usuario habitual do ximnasio Gimsport de San Antoniño relatábanos escenas curiosas. "Por exemplo, o monitor non recoñecía a algúns socios sen a máscara, levaban meses sendo socios pero nunca lles vira a cara completa. Outros foron remisos a quitala porque se sentían feos, había unha certa curiosidade morbosa por ver as caras da xente, e entre a timidez e a inseguridade algúns mantiveron posto o cubrebocas". Engade que os monitores levaban posta a máscara, aínda que a retiraban en momentos puntuais se o interlocutor non a estaba usando.

Na rúa chama a atención que, aínda mantendo as distancias, un gran número de persoas segue portando máscara en espazos ao aire libre. De feito, o pasado 10 de febreiro eliminouse a obrigatoriedade de levar máscara en exteriores e desde entón moitos cidadáns decidiron seguir facendo uso dela.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora