Prevén abrir o prazo esta semana para que autónomos e pemes soliciten axudas ao Concello de Moraña

Umia
08 de xuño 2020

A alcaldesa Luisa Piñeiro anuncia que se concederán 900 euros aos negocios e profesionais que estiveran inactivos durante a crise sanitaria e 400 a aqueles que reduciran a súa facturación en, cando menos, un 50%

Encontro da alcaldesa Luisa Piñeiro con autónomos e representantes de pemes
Encontro da alcaldesa Luisa Piñeiro con autónomos e representantes de pemes / Concello de Moraña

A alcaldesa Luisa Piñeiro mantiña tres encontros este luns con preto de 250 empresarios e profesionais autónomos para aclarar dúbidas sobre a concesión das axudas municipais destinadas a rebaixar os danos na economía provocados pola crise sanitaria.

Destinaranse 100.000 euros, un 5% do orzamento do Concello de Moraña, ao sector empresarial e autónomo. Luisa Piñeiro manifesta que "estas achegas non van arranxarlle a vida a ninguén pero si van axudar e moito a que as empresas e profesionais teñan liquidez e se vexan compensados". A intención do goberno local con esta medida é reactivar a actividade económica canto antes.

O plan de axudas xa foi aprobado e só permanece pendente da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) para que se abra o prazo de solicitude por espazo de 20 días. A alcaldesa estima que se publicará esta semana e permanecerá aberto ata comezos de xullo. Unha vez que se bareme a solicitude o pagamento será efectuado.

As axudas consisten en 900 euros a todos os profesionais autónomos e pemes (pequenas e medianas empresas) con domicilio fiscal ou local en Moraña que estivesen inactivos como consecuencia do estado de alarma. A aqueles establecementos que reducisen a súa facturación en, polo menos, un 50% con respecto ao  semetre natural precedente achegaráselles unha cantidade de 400 euros.

Os beneficiarios non poderá obter compensacións dos seus peches a través do negocio on-line ou de negocio vía telefónico. Tamén deberán estar ao día na xustificación de subvencións municipais nin contar con débedas pendentes co Concello.

Ademais, deberán asumir a obrigación de continuar coa actividade durante un mínimo de tres meses e, en caso de recibir outras axudas similares, non poderán superar a contía na que viron reducidos os seus ingresos.

As axudas, unha vez que se abra o período de solicitude, poderanse consultar e presentar de maneira telemática a través da páxina web do Concello de Moraña.