Prevista a celebración en Pontevedra do 50 aniversario da Fronte Polisaria o 20 de maio

Pontevedra
17 de maio 2023

O acto vai desenvolverse no Edificio Sindical, situado na rúa Pasantería, coa intención de dar a coñecer o conflito do Sáhara Occidental e achegar a cultura saharaui á cidadanía pontevedresa. Haberá exposicións de elementos tradicionais, exhibición de danza e degustación de té saharauí

Neno saharauí
Neno saharauí

A Comunidade Saharauí en Galicia celebra este próximo sábado 20 de maio os 50 anos do nacemento da Fronte Polisaria.

A cita está prevista a partir das 12.00 horas no Edificio Sindical, situado na Rúa Pasantería.

Nestas instalacións ofreceranse exposicións de elementos tradicionais; unha exhibición de danza e tamén degustación de té saharauí e de comida típica, dentro dun programa de actividades.

Con esta iniciativa preténdese achegar á cidadanía pontevedresa as principais características da cultura saharauí e dar a coñecer o conflito do Sahara Occidental.

Os organizadores lembran que o Sahara Occidental foi colonizado por España tras a Conferencia de Berlín no ano 1884.

Despois foi Marrocos quen colonizou esas terras e os saharauís sofren actualmente as consecuencias desa ocupación con violacións de dereitos humanos, guerras e diáspora, segundo indican desde a Comunidade Saharauí en Galicia. 

O obxectivo da poboación é lograr a independencia e facer fronte á ocupación marroquí actual. Para logralo naceu a Fronte Polisario, movemento de liberación nacional saharauí.

Pola súa banda, Sogaps: Solidariedade Galega co Pobo Saharaui lembra que mantén a súa campaña para conseguir familias de acollida de menores saharauís de cara a este verán.