Previsto o traslado dos semáforos da Rúa Progreso

Sanxenxo
05 de xaneiro 2026

O goberno local ultima a renovación de Cesteiros, Viña a Fonte e Panadeira para facer máis accesible e atractivo o centro urbano

Obras na Rúa Progreso
Obras na Rúa Progreso / Concello de Sanxenxo

A fase final do proxecto no centro urbano que se acomete en Sanxenxo inclúe melloras na sinalización, accesibilidade e novas zonas axardinadas cun investimento superior a 300.000 euros

O proceso final da humanización e mellora das rúas Cesteiros, Viña da Fonte e Panadeira atópase na fase do pintado dos viarios, o que fixo necesario prohibir o estacionamento en ambas as marxes de Cesteiros e Viña da Fonte.

Nos próximos días, o Concello procederá ao traslado dos semáforos do cruzamento de Rúa Progreso, que se recolocarán xunto aos novos pasos de peóns e adaptarán o seu funcionamento.

O proxecto inclúe tamén a instalación de varandas na Rúa Progreso e na plraza da Rúa Viña da Fonte, co obxectivo de mellorar a seguridade dos peóns e protexer o desnivel entre a praza e a nova beirarrúa.

Ademais, a contorna verase beneficiada con novos bancos, papeleiras e a creación de dúas zonas axardinadas que contribuirán a embelecer e facer máis funcional este punto clave do municipio.

Obras na contorna da Rúa Progreso de Sanxenxo
Obras na contorna da Rúa Progreso de SanxenxoConcello de Sanxenxo

A intervención supuxo a renovación da iluminación, a sinalización e o sistema de drenaxe, así como a colocación de baldosa hidráulica sobre soleira de formigón nas beirarrúas.