Primarias abertas en Marea Pontevedra para elixir os 25 membros da súa candidatura ás eleccións

Pontevedra
22 de xaneiro 2015

A este proceso de primarias, que arrancará este venres 23 de xaneiro, poderase presentar calquera persoa maior de idade con arraigamento -familiar, de residencia ou laboral- en Pontevedra. Deberán facelo antes do 30 de xaneiro ás 20.00 horas e terán que reunir dez avais de membros da Marera se queren optar a ser cabeza de lista ou tan só tres se se presentan para formar parte da candidatura

Membros de Marea Pontevedra en rolda de prensa
Membros de Marea Pontevedra en rolda de prensa / PontevedraViva

Marea Pontevedra abre un proceso ata agora inédito na política local. Elixirá mediante primarias abertas non só á persoa que encabezará a súa candidatura nas próximas eleccións municipais, senón a todos os integrantes da lista. "Nós non facemos primarias entre nós, senon que será abertas a toda a cidadanía", explicou Xoán Hermida, membro da comisión electoral do partido.

A este proceso de primarias, que arrancará este venres 23 de xaneiro, poderase presentar calquera persoa maior de idade con arraigamento -familiar, de residencia ou laboral- en Pontevedra. Deberán facelo antes do 30 de xaneiro ás 20.00 horas e terán que reunir dez avais de membros da Marera se queren optar a ser cabeza de lista ou tan só tres se se presentan para formar parte da candidatura.

As votacións terán lugar, nunha urna física, o próximo 7 de febreiro. Pero para facilitar a participación da xente abrirase tamén un proceso de votación a través da Internet que durará tres días -entre o 4 e o 6 de febreiro-. Poderá participar nesta elección non só os membros de Marea Pontevedra, senón todas aquelas persoas residentes no municipio, co único requisito de que han de inscribirse previamente.

Por un lado, elixirase o candidato á alcaldía de Pontevedra, que será aquela persoa máis votada nas primarias, sempre que supere o 40% dos votos emitidos. No caso contrario, haberá unha segunda volta. O resto da candidatura, a partir do segundo posto, irase cubrindo polos aspirantes que, de maior a menor, conseguisen máis votos. Só haberá un criterio corrector, a paridade de xéneros, de forma que se conforme unha lista 'cremalleira'.

En caso de que non se cubran todos os postos da lista, será a asemblea de Marea Pontevedra a que complete as vacantes.

Todos eles deberán cumprir un estrito código ético que apela á transparencia e á participación cidadá e condena a corrupción ou o transfuguismo e asumir que están "de paso" na política, xa que Marea Pontevedra deixa claro que calquera candidato só poderá estar oito anos -dous mandatos- no seu cargo e, a partir de aí, "poderá seguir participando na política activa dende a rúa, pero non dende ás institucións". 

Xoán Hermida recoñeceu que é unha aposta "arriscada", porque para eles sería máis doado "nomear ou candidato a dedo ou facendo asembleas ficticias como fan outros". Sinalou que decidiron optar por este proceso porque "é a hora dos cidadáns, son eles os que deben asumir o reto de cambiar as cousas", de forma que a política deixe estar en mans de "profesionais" e que se osixenen os partidos políticos.

En todo caso, dende Marea Pontevedra aseguran que con este proceso queren que os pontevedreses os axuden a conformar unha candidatura "gañadora". Afirman que non aspiran a lograr "un ou dous postos" cos que "mercadear" posteriormente, senón que se presentarán para gañar as eleccións municipais "e ser o motor do cambio" no Concello de Pontevedra.