Primeira moción socialista do mandato: apertura de Raíña Vitoria con plataforma única e tráfico restrinxido

Pontevedra
14 de xullo 2023

Iván Puentes, portavoz do grupo municipal socialista, sinala que agarda o apoio do BNG a esta proposta que levaban no programa electoral ao entender que se trata da adaptación do modelo de cidade a ese espazo. Defende que a vía sexa de preferencia peonil e que só se permita acceso por Raíña Vitoria a residentes e persoas que precisen facer xestións ou compras en Campolongo

Iván Puentes presenta o seu proxecto do PSOE para "revivir" Raíña Vitoria
Iván Puentes presenta o seu proxecto do PSOE para "revivir" Raíña Vitoria / Mónica Patxot

Converter a avenida Raíña Vitoria nunha rúa de plataforma única con preferencia peonil, a apertura do parque das Palmeiras a esa rúa mediante escaleiras que actúen como bancadas e establecer un paso restrinxido de vehículos nunha soa dirección limitado a residentes, servizos e acceso a negocios da contorna de Campolongo, evitando tráficos de pasada. Estes son os puntos da moción que a agrupación socialista presentará no pleno deste mes de xullo.

Será a primeira moción do PSOE neste novo mandato en que, polo momento, permanece na oposición. Iván Puentes, portavoz municipal socialista, acompañado polo resto de concelleiros da formación, anunciaba este venres a proposta.

Explicaba que, despois dun ano desde o bando da alcaldía que establecía como definitivo o peche ao tráfico desta vía, se rexistran consecuencias positivas como a eliminación da conxestión do tráfico na Praza de Galicia e, en parte, en Eduardo Pondal evitando contaminación acústica e do aire.

Pero engadiu que se detectan tamén cuestións negativas. "É un clamor popular", apuntou en relación ás dificultades de acceso que experimentan os residentes en Campolongo e outras persoas que queren acudir a facer xestións neste barrio. Tamén destacou as queixas de comerciantes desa zona. 

Puentes asegura que a súa proposta, xa anunciada na campaña electoral das municipais, permite compasar as dúas posturas sen necesidade dunha apertura total ao tráfico como demanda o PP nin a que mantén o Bloque de impedir o acceso a esta vía. O portavoz socialista defende unha apertura de Raíña Vitoria que converta este espazo nun "boulevard" trasladando o modelo urbano que xa se aplica noutros puntos da cidade, a través dunha plataforma única.

O representante do grupo municipal socialista indicou que o sentido de circulación nesa plataforma terían que determinalo os técnicos e tampouco específico de que maneira se regularía o tráfico para evitar o acceso de vehículos que utilicen esta rúa como atallo. 

NEGOCIACIÓNS CO BNG

O PSOE ten confianza en que a moción sexa apoiada tanto polo PP como polo BNG durante a sesión plenaria.

Puentes recoñeceu que esta moción non foi falada previamente co BNG e entende que o seu debate no pleno non debería afectar as negociacións que o PSOE e os nacionalistas manteñen para alcanzar un pacto de goberno. "Por parte do PSOE non vai afectar", aclarou. 

Explicou que a moción responde a un dos compromisos fundamentais dos socialistas durante a campaña e que, do mesmo xeito que o goberno do BNG está a realizar actividades, o PSOE tamén debe exercer o seu traballo na oposición.

Sobre as negociacións, Puentes mantén que se están intercambiando documentos de traballo entre as dúas formacións e matizou que non ven afectadas polas eleccións xerais. "A data das eleccións xerais non condiciona que falemos co BNG antes ou despois. Non hai problema por reunirse antes", manifestou. 

TRASLADO DO MERCADO AMBULANTE

Iván Puentes tamén considera positivo que o alcalde busque unha solución de consenso sobre a localización do mercado ambulante. 

Insistiu en que a instalación da feira na Alameda foi "un éxito rotundo" sinalando que acoden persoas que xamais asistiran ao mercado ambulante cando se atopaba en Rafael Areses e que se dinamizou a actividade na contorna da Alameda con beneficios para comercios e cafeterías.

Tamén recoñeceu que se se presentan outras alternativas e o goberno local lograra un consenso para unha nova localización, os socialistas "aplaudirían" a decisión, deixando claro que en Rafael Areses non se pode quedar porque esa zona debe contemplar un espazo de lecer e de zona verde.