Primeiros pasos na tramitación do complexo municipal de servizos previsto no parque empresarial de Nantes

Sanxenxo
01 de maio 2022

Insua Sanxenxo incoa o expediente para a contratación do proxecto das naves multiservicios e coworking. O novo complexo onde se situarán a Policía Local e e o servizo de Emerxencias executarase en dúas parcelas municipais de 8.169 metros cadrados

Proxecto do complexo municipal de servizos que planea o Concello de Sanxenxo no polígono de Nantes Concello de Sanxenxo

A sociedade municipal Insua Sanxenxo deu conta no último consello de administración do inicio do expediente de contratación do proxecto de execución do complexo municipal de servizos previsto no parque empresarial por un importe de 150.000 euros. 

Durante a sesión aprobouse a localización proposta para a construción das naves en dúas parcelas municipais que suman 8.169 metros cadrados. Trátase da parcela onde se atopa actualmente a oficina de Insua e a anexa.

A construción deste complexo permitirá un aforro anual de 38.115 euros anuais polo alugueiro da nave de servizos e concentrar nun mesmo espazo varios servizos municipais.

O anteproxecto contempla a construción de catro edificacións para a Policía Local, Emerxencias, nave para servizos xerais e un espazo coworking ou viveiro de empresas. Ademais, contémplase unha oficina para servizos xerais e unha estación para almacenamento da iluminación pública. O prazo de execución para estas naves estímase en 18 meses. 

As naves destinadas a almacén e ao servizo de Emerxencias contará con dous corpos, o principal destinado á nave de servizos que constará dunha única planta situada sobre planta baixa e un soto que ocupa parte da superficie.

O outro corpo estará destinado a Emerxencias cunha planta baixa destinada a aparcamento e outra planta destinada a servizos. O edificio destinado a coworking constará de tres plantas, así como unha planta soto destinada a aparcamento. A nave destinada á Policía Local terá dúas plantas.

En canto ao aspecto exterior das naves prevese un sistema de cerramento exterior transventilado con paneis de formigón con fibras, un sistema de parasoles verticais e celosías de aluminio.