Sanxenxo saca a licitación o alugueiro de dúas naves como almacén para distintos servizos municipais

Sanxenxo
21 de novembro 2022

O orzamento basee do concurso por un ano ascende a 38.400 euros 

Novo tractor do Concello de Sanxenxo
Novo tractor do Concello de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

A falta de inmobles que reúnan as condicións para esta función empuxou ao Concello de Sanxenxo a sacar a concurso o alugueiro de dúas naves como almacén para distintos servizos municipais. O orzamento de base de licitación por un ano ascende a 38.400 euros con posibilidade de 3 prórrogas.

En canto ás características, unha das naves debe ter unha superficie mínima de almacenamento de 700 metros cadrados na que se poidan almacenar e gardar tractores, módulos de aseos, maquinaria e elementos de dimensións considerables. A nave de contar ademais cunha entrada e saída de vehículos segura e cómoda, fronte á vía pública. Ademais, debe dispoñer de servizos de electricidade, iluminación e fontanería. 

A outra nave contará cunha superficie mínima de 500 metros cadrados e deberá cumprir cos requisitos da anterior.

No prego exponse que se valorará que o local estea acondicionado ou con obras mínimas de adecuación para o cumprimento de normativa que se pretende sobre aqueloutros que precisen obras de acondicionamento total. 

O proceso de contratación atópase nestes momentos en proceso de valoración da única oferta que se presentou. 

NAVE MULTISERVICIOS

A empresa municipal Insua Sanxenxo acaba de adxudicar a redacción do proxecto para a construción dun complexo que integrará diferentes naves destinadas a servizos municipais no parque empresarial de Nantes. Con esta construción, o Concello espera aforrar o actual alugueiro da nave de Servizos. Ademais, a obra permitirá concentrar nun mesmo espazo varios servizos municipais. 

O anteproxecto contempla a construción de cinco edificacións ou naves destinadas á Policía Local, Emerxencias e unha nave para servizos xerais e espazo coworking ou viveiro de empresas.

Ademais, contémplase unha oficina para servizos xerais e unha estación para almacenamento da iluminación pública, nunha parcela que conta cunha superficie total de 8.343 metros cadrados. O orzamento de 2023 ten reservada unha partida de 1,5 millóns para a súa construción.