O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, estrearase o próximo o próximo mércores 16 de xullo na Escola Naval Militar de Marín. Presidirá, por primeira vez dende o seu nomeamento, o acto de entrega de Reais Despachos aos novos Oficiais da Armada e a xura de bandeira dos alumnos de primeiro curso da Escola.
A Delegación do Goberno en Galicia anunciou este venres unha información que se comentaba dende hai días en Marín e que supón xa a confirmación definitiva de que os Reis de España non estarán en Marín con motivo do día grande da Escola Naval.
Tras a coroación do Rei Felipe VI, o delegado do Goberno en Galicia, Samuél Juárez, anunciara que os novos Reis acudirían a Marin con motivo desta cerimonia que se celebra cada ano coincidindo coa festividade da Virxe do Carmen, patroa da Armada. Agora confírmase que non será así.
Os actuais Reis si estiveron en Marín o 16 de xullo de 2013, como Príncipes de Asturias, con motivo desta mesma cerimonia e, ademais, o Rei Felipe VI (entón Príncipe Felipe) regresou en setembro con motivo dunha cea privada cos seus compañeiros de promoción da Escola Naval.
O presidente do Goberno nunca presidiu a entrega dos Reais Despachos nin a Xura de Bandeira, pero si realizou visita oficial á Escola Naval. O pasado Nadal elixiu Marín para felicitar as festas os 1.500 os militares españois que participan en diversas operacións en Afganistán, Líbano, Somalia, Mali e Bosnia.