O Xulgado de Instrución número 2 de Vilagarcía de Arousa acordou este venres o ingreso en prisión de dous dos catro detidos na última operación contra o tráfico de drogas desenvolvida esta semana na comarca do Salnés.
Aínda que nun primeiro momento confirmáronse tres detidos, finalmente foron catro as persoas arrestadas neste operativo, realizado de forma conxunta entre a a Garda Civil e Policía Nacional.
Os catro pasaron a disposición xudicial este venres e, a última hora da tarde, a xuíza ordenou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza para S.T e R.D., ambos os veciños de Vilanova de Arousa.
A ambos se lle atribúen os delitos contra a saúde pública e pertenza a grupo/organización criminal. Ambos teñen antecedentes por delitos similares.
As outras dúas persoas detidas, L.P e R.B, quedaron en liberdade en calidade de investigadas, aínda que a xuíza acordou que deben ter comparecencias mensuais no xulgado.
A maxistrada acordou tamén a retirada do pasaporte para ambos os investigados e a prohibición de saída do territorio nacional. Atribúenselles os mesmos delitos.
Os investigadores da Garda Civil e a Policía Nacional incautaron o mércores unha cantidade aínda non determinada de cocaína en rexistros en Cambados, Vilanova e Vilagarcía.