Prisión para todos os detidos en relación co macro laboratorio de cocaína de San Xurxo de Sacos

Pontevedra
23 de marzo 2023

O Xulgado Central de instrución número 2 da Audiencia Nacional decretou este xoves o ingreso en prisión das 18 persoas detidas, 11 delas en Galicia. Están investigados por un delito contra a saúde pública e outro de pertenza a organización criminal

Laboratorio de cocaína desarticulado en Cotobade
Laboratorio de cocaína desarticulado en Cotobade / EFE / Salvador Sas

O Xulgado Central de instrución número 2 da Audiencia Nacional decretou este xoves o ingreso en prisión das 18 persoas detidas desde a noite do luns en toda España no marco da operación antidroga que permitiu desarticular un macro operativo de procesado de cocaína en Cerdedo-Cotobade. 

O xuíz decidiu enviar a prisión a todos os implicados investigados por un delito contra a saúde pública e outro de pertenza a organización criminal

A operación antidroga desenvolvida pola Policía Nacional deixou 11 detidos na provincia de Pontevedra e sete entre Madrid e Las Palmas de Gran Canaria. Todos eles foron trasladados nas últimas horas a Madrid e pasaron a disposición xudicial ao longo da mañá deste xoves

Todos están considerados como integrantes dunha organización que tiña na zona de A Longa, en San Xurxo de Saco, un laboratorio de cocaína que, segundo os investigadores, podería ser o maior desarticulado ata o de agora en toda Europa

Os delincuentes transformaron unha vivenda unifamiliar en laboratorio e tíñano preparado para procesar grandes cantidades de cocaína. Ademais, cando a Policía Nacional rexistrou a vivenda na madrugada do luns ao martes, atopou tamén unha importante cantidade de droga. 

Na casa foron detidos dous dos sospeitosos e tamén se produciron arrestos na cidade de Pontevedra, en concreto, nun hotel da cidade no que estaba aloxado un dos supostos xefes. 

A organización está composta por cidadáns mexicanos e colombianos e de momento non transcenderon máis detalles da operación porque a Audiencia Nacional ha decretado o secreto das actuacións.