Probas de fume para detectar a procedencia de malos olores no saneamento de Cantodarea

Marín
03 de novembro 2022

Técnicos municipais do Concello de Marín e operarios da empresa encargada de realizar o traballo fixeron probas para detectar posibles fugas de olor nas vivendas. Esta acción vai acompñada de "diarios de olores" que realiza a veciñanza afectada coa intención de identificar as causas e adoptar solucións para evitar os cheiros

Probas de fume en Cantodarea para detectar a causa de malos olores
Probas de fume en Cantodarea para detectar a causa de malos olores / Concello de Marín

Xornada de probas en Cantodarea no municipio de Marín coa intención de localizar as causas dos malos cheiros que denuncian algúns residentes nesta zona.

Segundo indica o Concello de Marín, operarios da empresa Ambiente et odora e técnicos municipais iniciaron estes traballos de probas de fume na rede de saneamento para identificar as posibles fugas de cheiro que se detectan nas vivendas desde hai un tempo.

A estas probas súmanse os "diarios de olores" que a veciñanza afectada realiza para recoller información que permita localizar o problema e buscar as solucións que sexan máis adecuadas, segundo informan desde o goberno local.

Nestes rexistros de cada vivenda ofrécense datos sobre a data, hora, tipo de cheiro e a intensidade, entre outras cuestións, de cada vez que se produce esta situación.

Alertan de que a presenza de fume procedente dos aparellos sanitarios das vivendas e dos ocos que se atopen no chan ou noutros espazos non debe causar alarma. Trátase dun fume non tóxico e ofrece unha cor branca, rosa ou vermella pero non deixa residuo e non supón risco de incendio, segundo as mesmas fontes municipais.

Explican que este fume non debería penetrar nas casas que non teñan tubaxes defectuosas ou sifóns secos. No caso de que se rexistre esta entrada permitiría detectar unha filtración de gas da rede de sumidoiros de maneira frecuente.

As persoas residentes que localicen fume na súa vivenda deberán notificarllo á empresa, segundo indicaron os propios técnicos municipais á veciñanza durante esta semana.