Programan unha limpeza do interior da marisma e de especies invasoras na Xunqueira de Alba

Pontevedra
05 de maio 2016

A Xunqueira de Alba luce novo alumeado e unha posta a punto que mellora dun xeito substancial a zona, cada vez máis transitada por xente a pé ou en bicicleta que elixe este espazo natural de interese local (ENIL) para pasear, facer deporte ou como punto de encontro de lecer

Xunqueira de Alba
Xunqueira de Alba / Juan Mejuto

A Xunqueira de Alba luce novo alumeado e unha posta a punto que mellora dun xeito substancial a zona, cada vez máis transitada por xente a pé ou en bicicleta que elixe este espazo natural de interese local (ENIL) para pasear, facer deporte ou como punto de encontro de lecer.

O Concello investiu 50.000 euros no novo alumeado obrigado non só polo uso senon pola sucesión de roubos de cable, luminarias e farois asociados a danos na obra civil ademais de seguir cos coidados habituais que desenvolve o departamento de Parques e Xardíns como a retirada de mobiliario en mal estado ou a limpeza das sendas

Está prevista a realización de traballos adicionais de mantemento nas próximas semanas: unha limpeza interior da marisma e a eliminación de especies invasoras.

A mellora desta xunqueira completarase co arranxo da ponte da Gándara sobre o río Rons. As obras, a cargo da Deputación, comezarán o próximo luns, 9 de maio.

Como obras accesorias o proxecto inclúe a rehabilitación do camiño que a comunica coa estrada de Vilagarcía. Tamén se mellorará a mobilidade peonil e a accesibilidade, coa implantación de dous pasos de peóns sobreelevados de 2,60 metros de lonxitude e dous pasos de peóns executados con lousa de formigón de cor ocre a un lado e outro da ponte para dar continuidade ás sendas da xunqueira.