Prohíben as rebaixas de verán en comercios físicos para evitar aglomeracións

Pontevedra
14 de maio 2020

"As rebaixas poden suscitar estas aglomeracións e non están permitidas. É así de claro e contundente", sinalou o ministro de Sanidade, resolvendo as dúbidas que existían no sector sobre a posibilidade de organizar as rebaixas nos seus establecementos

Rebaixas de inverno en Pontevedra
Rebaixas de inverno en Pontevedra /

As tradicionais rebaixas de verán non se poderán celebrar este ano. O motivo, o coronavirus. Así o asegurou o ministro de Sanidade, Salvador Illa.

O Goberno non permitirá a campaña estival de descontos nos comercios ao entender que "son un reclamo" para os consumidores e poden provocar aglomeracións, algo que desaconsellan as autoridades sanitarias.

"As rebaixas poden suscitar estas aglomeracións e non están permitidas. É así de claro e contundente", sinalou Illa, resolvendo as dúbidas que existían no sector sobre a posibilidade de organizar as rebaixas nos seus establecementos.

Sanidade explica que só poderán facer rebaixas os establecementos que teñan venda online e unicamente a través dese sistema.

Todo o que sexa susceptible de provocar aglomeracións físicas "non está permitido", reiterou o ministro.