Prohibidas dende este luns as queimas agrícolas e forestais de particulares ata novo aviso

Pontevedra
14 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Isto implica que non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir do luns, 15 de abril

Unha persoa facendo unha queima de restos agrícolas
Unha persoa facendo unha queima de restos agrícolas / PontevedraViva

A partir do luns 15 de abril quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia ata novo aviso. 

A Xunta exclúe desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais debidamente planificadas e dispoñendo dos medios de extinción precisos. 

Isto implica que non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir deste luns.

A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tamén tendo en conta que a normativa prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde este luns e ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal para particulares. Ademais, a Consellería lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.