A Xunta de Galicia comunica que a partires das 00,00 horas deste sábado, 29 de maio, e ata novo aviso, quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia.
Esta medida tamén afecta os permisos xa concedidos, que quedan en suspenso. Polo tanto, as comunicacións e autorizacións de queima carecerán de validez dende o momento da prohibición.
Esta decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume.
Tamén tendo en conta que a normativa prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, recollida no Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais.
Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide a colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde o sábado e ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal para particulares.
Ademais, Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.