Prohibiu a Deputación a Carlos Valle acudir aos Premios Cidade de Pontevedra?

Pontevedra
01 de febreiro 2014

O voceiro do grupo provincial do BNG, César Mosquera, pediu a palabra para reclamar unha "explicación oficial" por parte do goberno da Deputación sobre a ausencia do Director do Museo, Carlos Valle, no Pleno de Honras do Concello de Pontevedra no que se entregaron os premios Cidade de Pontevedra

Sucedeu na quenda de rogos e preguntas do Pleno da Deputación de Pontevedra celebrado este venres.

O voceiro do grupo provincial do BNG, César Mosquera, pediu a palabra para reclamar unha "explicación oficial" por parte do goberno da Deputación sobre a ausencia do Director do Museo, Carlos Valle, no Pleno de Honras do Concello de Pontevedra no que se entregaron os premios Cidade de Pontevedra.

"Prohibiu a Deputación a Carlos Valle acudir aos Premios Cidade de Pontevedra?", espetou. Segundo explicou o deputado nacionalista "parece ser, pola información que temos, que expresamente se lle prohibiu asistir a ese acto".

Ademais de dirixir o Museo provincial, Carlos Valle, é o Presidente da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra que propuxo a candidatura do Conservatorio Manuel Quiroga ao premio Cidade de Pontevedra.

Segundo Mosquera foi o propio director do conservatorio, Luis Costa, quen trasladou a súa contrariedade pola ausencia de Valle, asegurando que esta se debía a unha prohibición expresa por parte dos responsables políticos da Deputación. "Quedamos sorprendidos pola intervención do director do Conservatorio", afirmou o deputado.

"A información que temos é que non se lle permiteu asistir ao acto no que tiña unha participación directa, dende o momento no que foi o propoñente do galardoado", e engadiu que "era en horario laboral, pero que un director dun Museo non se poida nin ausentar un intre... ".

"Non sei se hai algunha explicación, quen dou a orde, quen non a deu, ou que sucedeu", concluíu o voceiro nacionalista.

"Recollemos a súa pregunta e lle trasladaremos a información", foi a resposta que, polo momento, obtivo por parte da Deputación, en palabras do vicepresidente, José Manuel Figueroa.