Prometen unha "reflexión profunda" ante as denuncias pola falta de limpeza do centro histórico

Pontevedra
02 de setembro 2019

Unha vez que termine a tempada estival, o Concello estudará as denuncias que veciños e comerciantes do centro histórico realizaron durante as últimas semanas pola sucidade que aprecian neste ámbito urbano. Así o avanzou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías

Contedores desbordados na zona vella de Pontevedra
Contedores desbordados na zona vella de Pontevedra / Mónica Patxot

Unha vez que termine a tempada estival, o Concello estudará as denuncias que veciños e comerciantes do centro histórico realizaron durante as últimas semanas pola sucidade que aprecian neste ámbito urbano. Así o avanzou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías.

Será, segundo recoñeceu, unha "reflexión profunda" que levará aos servizos técnicos a analizar todas as cuestións que poden provocar que se rexistren estes problemas. As medidas que se adopten, garantiu Gulías, estarán "ben planificadas" e non se tomarán de maneira "impulsiva" ante situacións que poidan ser "puntuais".

A edil de Promoción da cidade asegurou que estes problemas acentuáronse ante un mes de agosto "record" na chegada de visitantes, o que provocou un aumento da actividade na cidade.

"É normal que se acumule lixo nos puntos nos que hai colectores", sinalou a preguntas dos xornalistas.

Tras o verán, sinalou a concelleira nacionalista, "veremos como foi todo" e analizarase se procede, entre outras medidas, reforzar o servizo de recollida de lixo, poñer máis contedores, situar os existentes noutros puntos ou mesmo retiralos todos do centro histórico e apostar por un sistema alternativo.

"Calquera decisión que se tome ten que estar estudada e avaliada", explicou a portavoz do goberno municipal, que lembrou que a organización actual de contedores e da recollida de lixos é froito dun "acordo consensuado" no seu día cos veciños e comerciantes do centro histórico.

Iso si, o Concello recoñece que as imaxes dos contedores sobordando lixo "non é a que queremos para a cidade" e considera que se debe tomar medidas para solucionalo.