Promocionan o comercio local pontevedrés cunhas xornadas fotográficas para nenos

Pontevedra
01 de outubro 2020

A campaña Atende ao Teu, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e o colectivo Taller Aberto, consiste en catro saídas con nenos de entre 8 e 12 anos por diferentes barrios da cidade para  descubir e  inmortalizar a súa actividade comercial. As fotografías darán forma a unha exposición que se exhibirá en novembro no mercado de abastos

Presentación da campaña de promoción do comercio local de Pontevedra Atende ao Teu
Presentación da campaña de promoción do comercio local de Pontevedra Atende ao Teu / Mónica Patxot

O programa Atende ao Teu é a última campaña de promoción do comercio local posta en marcha polo Concello de Pontevedra, bajo o paraguas da campaña #PonteLovers, que consiste na exposición dunha colección fotográfica confeccionada por nenos de entre 8 e 12 anos. O obxectivo desta actividade é dar visibilidade e poñer en valor todos os beneficios de comprar no comercio local a través da mirada dos máis pequenos.

Impulsada pola Concellería de Promoción Económica en colaboración co colectivo Taller Aberto, a iniciativa consta de dúas partes. A primeira consistirá en dúas xornadas fotográficas infantís previstas para os días 17 e 24 de outubro. En grupos dun máximo de oito menores, que irán acompañados por dous monitores adultos, cada quenda visitará os comercios de catro barrios do centro da cidade para fotografar a súa actividade.

Haberá dúas quendas en cada xornada, de 10 a 11.30 horas e de 12 a 13.30 horas. Será necesario incribirse con cita previa posto que as prazas son limitadas e os interesados xa poden facelo a través do correo [email protected] ou cumprimentando o formulario dispoñible na páxina web do Concello.

"Ao longo da sesión poderán coñecer todos os beneficios de mercar no comercio de proximidade da man dos propios comerciantes que irán visitando e tirar fotografías dos establecementos”, explicou a edila socialista Yoya Blanco. "O comercio é esencial para a cidade, non só pola parte económica, senón tamén porque contribúe á formación e consolidación ds tecidos urbanos”, engadiu África Martínez, organizadora da actividade xunto coa súa compañeira Ana Barreiro.

Para levar a cabo este roteiro, que se comezará pola zona de Andrés Mellado e Avenida de Vigo para seguir na segunda quenda por Loureiro Crespo, logo pola contorna da Peregrina e, finalmente, pola Zona Monumental; aos participantes entregaráselles máscara, xel desinfectante e manterial individual, así como unha cámara de fotos desechable coas que tomarán as instantáneas que logo se revelarán para dar forma á exposición que se exhibirá no mes de novembro no mercado de abastos e a través das redes sociais do Concello.