Na tarde-noite deste venres celebrouse a Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night), unha iniciativa coordinada pola Universidade de Vigo para achegar o coñecemento científico e a investigación a toda a cidadanía de Galicia.
Unha proposta que se desenvolveu simultaneamente este venres nunha trintena de localizacións repartidas polas sete principais cidades galegas. En total, foron máis de 70 actividades de divulgación, lecer e entretemento científico que espallaron a ciencia a pé de rúa e ao alcance de toda a cidadanía.
En Pontevedra houbo "Ciencia no Bar" co profesor López Ardao en primeiro termo xunto coa profesora Fernández Souto. Divulgación científica, cafés e refrescos combináronse nun coloquio na cafetería La Gramola.
Presentado pola directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, este encontro abriuse cun achegamento ao fenómeno da combustión por parte do investigador do Grupo de Tecnoloxía Enerxética Juan Jesús Rico. A continuación, José Carlos López Ardao, do centro de investigación atlanTTic buscou achegar ao público dun xeito sinxelo á intelixencia artificial, a través de exemplos da súa presencia en diferentes aspectos da vida diaria.