Promoven que o futuro centro social de Vilalonga se converta nunha homenaxe a Celso Bugallo

Sanxenxo
21 de xaneiro 2026

O BNG presentará unha moción no pleno ordinario de xaneiro para promover o novo nome do centro para que lembre a este actor natural de Lagarei e que nunca perdeu o seu vínculo con Vilalonga

Celso Bugallo recollendo o premio Goya
Celso Bugallo recollendo o premio Goya / RTVE

Celso Bugallo Aguiar naceu en Lagarei, na parroquia de Vilalonga, en Sanxenxo, en 1947 e, tras o seu pasamento o pasado 20 de decembro de 2025, o BNG quere que o seu municipio natal lle renda unha homenaxe. 

O grupo municipal nacionalista de Sanxenxo propón que o futuro centro social de Vilalonga, actualmente en construción, pase a levar o nome do actor.

Os nacionalistas presentarán no vindeiro pleno ordinario de Sanxenxo, previsto para o luns 26 de xaneiro, unha moción con esta petición, de xeito que se poida "perpetuar o legado dun dos actores máis importantes e prolíficos do país".

O concelleiro Octavio González entende que esta homenaxe a título póstumo debe servir como recoñecemento a "un dos mellores embaixadores que tivo o noso concello".

Bugallo debutou na gran pantalla aos 52 anos con A lingua das bolboretas, de José Luís Cuerda, e, ata a súa morte en 2025, completou unha gran carreira profesional. En 2005, recibiu o Premio Goya como mellor actor secundario por Mar adentro, de Alejandro Amenábar.

Octavio González destaca que "máis alá destes importantes logros", Celso Bugallo é merecedor desta homenaxe porque "sempre mantivo unha forte conexión con Vilalonga" maila que residiu durante boa parte da súa vida en Pontevedra.

Os nacionalistas indican que, proba deste vínculo, é a implicación que tivo en diferentes iniciativas, como as charlas que levou a cabo no IES ou as visitas habituais a Sanxenxo.

A moción que defenderá o BNG no pleno ordinario incluirá tamén unha proposta para que cando se leve a cabo o acto de inauguración do centro social se organice un evento simbólico.

Podería ser a organización dunha exposición ou a proxección da traxectoria profesional de Celso Bugallo, "de xeito que o Concello poida promover o seu legado, especialmente entre a mocidade e as persoas maiores da parroquia".