Propoñen ao Concello que aproveite o convenio de uso da praza de touros para convertela nun 'pipican'

Pontevedra
08 de abril 2019

O colectivo Mocidade pola Abolición, adscrito á plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, deu a coñecer a súa proposta este luns co obxectivo de aproveitar 'ao máximo' o acordo de aluguer da praza, que permite ao Concello empregala previo aviso. Ademais, destacan que o custo da iniciativa sería mínimo 

Can nunha zona verde
Can nunha zona verde / Mónica Patxot

O colectivo Mocidade pola Abolición, adscrito á plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, propón que o Concello aproveite o convenio de arrendamento que manteñen os propietarios da praza de touros de Pontevedra e converta a instalación nun ' pipican'.

A asociación deu a coñecer a súa proposta este luns co obxectivo de aproveitar 'ao máximo' o acordo de aluguer da praza, que permite ao Concello empregala previo aviso. Ademais, destacan que o custo da iniciativa sería mínimo. 

Coa creación desta zona permanente para cans, daríase resposta a unha demanda fundamental da cidadanía, xa que os máis de 12.000 cans censados no municipio apenas teñen espazos específicos "libres de correas". 

Para Mocidade pola Abolición a proposición pódese complementar con actuacións de sensibilización. Na súa opinión, a iniciativa de reconversión é compatible coa organización de eventos musicais e deportivos, e podería complementarse instalando elementos de xogo e adestramento como o denominado ' agility', unha disciplina que fomenta o exercicio equilibrado dos animais.