Propoñen aumentar a protección patrimonial a edificios modernistas e industriais

Pontevedra
18 de decembro 2018

Pontevedra quere ampliar o número de inmobles protexidos polo seu valor artístico ou histórico, ao entender que poden supoñer un "recurso máis" para promocionar a cidade. Así o asegurou a edil de Urbanismo, Anabel Gulías

Interior da fábrica de La Cross
Interior da fábrica de La Cross

Pontevedra quere ampliar o número de inmobles protexidos polo seu valor artístico ou histórico, ao entender que poden supoñer un "recurso máis" para promocionar a cidade. Así o asegurou a edil de Urbanismo, Anabel Gulías.

Para esta iniciativa, o Concello iniciou os trámites para actualizar o catálogo de edificios a conservar, que busca incluír exemplos de boa arquitectura do século XX. Non se revisou desde 1997 e o goberno municipal quere reforzar a súa protección para evitar que se perdan inmobles de alto valor patrimonial.

Un primeiro paso será, segundo Gulías, solicitar ao servizo de Patrimonio da Xunta que remita a listaxe con todos os edificios de Pontevedra susceptibles de ser incluídos neste catálogo que, posteriormente, será completado coa información municipal.

Ademais, analizarase as zonas de protección que rodean a cada un destes inmobles para poder "racionalizar" estas áreas, de forma que se poidan axilizar as licenzas que se soliciten tanto particulares como colectivos ou institucións dentro deste ámbito.

A maiores, o Concello quere "revisar" o tipo de inmobles que están incluídos neste catálogo. Anabel Gulías sinalou que, ata agora, os edificios analizábanse sempre dunha perspectiva "historicista", cando existe patrimonio "modernista e industrial" que merece ter "algún nivel de protección".

Esta medida, xunto coa posta en valor deste patrimonio, pretende ofrecer unha maior seguridade xurídica aos propietarios e permitirá dar "certa rapidez" aos trámites urbanísticos que se soliciten, xa que ao estar inventariado sería "innecesario" en moitos casos a correspondente consulta ao departamento de Patrimonio.