A empresa Ferrovial Servicios seguirá durante o próximos seis meses realizando os labores de mantemento das zonas axardinadas e arboredos do municipio de Pontevedra. A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra decidía este luns aprobar unha prórroga extraordinaria deste servizo por un importe de 306.875 euros.
A prórroga poderase suspender no caso de que os técnicos municipais finalicen os trámites para o procedemento ordinario deste contrato para unha próxima adxudicación, segundo indicaba a portavoz do goberno local, Anabel Gulías.
Tamén a Xunta de Goberno estudaba a proposta das concesións das subvencións para cultura que resolveu que o Cineclube Pontevedra reciba 3.000 euros, a asociación cultural Casa Verde, que realiza talleres ambientais reciba 2.000; mentres Cedofeita obterá 900 euros pola realización da exposición sobre os seus 25 anos de historia. O colectivo Down Pontevedra Xuntos recibe 600 euros polo seu proxecto de percusión a todas partes, a mesma cantidade que a asociación para el Desarrollo Asociativo e Cultural para a actividade de Cantares Tradicionais nas Pontes da comarca.
En total, repártense 7.100 euros, unha vez que os colectivos presenten a documentación requirida.
Fóra da orde do día, aprobouse a contratación da subministración dun sistema firewall para mellorar a seguridade da administración electrónica. Anabel Gulías explicaban que, na actualidade, os expedientes realízanse de maneira maioritaria de maneira telemática e é necesario utilizar estas ferramentas para axudar á seguridade do traballo. O prezo de licitación é de 48.400 euros cun prazo de entrega e instalación de tres meses, con posibilidade de prórroga por un mes.
INVENTARIO MUNICIPAL
A portavoz do goberno local tamén informaba do traballo que se realiza un proceso para verificar os datos que manexan os técnicos municipais para controlar o inventario do patrimonio municipal, despois de que se puxera en marcha a contratación dunha aplicación informática por 118.000 euros.
Os traballos actuais céntranse en verificar que os datos do Concello coinciden cos que manexa a oficina do Catastro. Segundo explicou Gulías, hai bens con desaxuste como o Tele Clube de Xeve, ao aparecer un erro na parcela onde se atopa o edificio. Tamén se detectaron equivocacións co matadoiro de Ponte Sampaio. Por iso, durante os próximos meses, analizaranse os datos do patrimonio municipal co obxectivo de que ao final do mandato o inventario funcione con ferramentas que faciliten a consulta por parte da cidadanía.