Novo acto de protesta na mañá deste martes 24 de novembro na rotonda de acceso ao Hospital Montecelo. Nesta ocasión, os sindicatos da área sanitaria Prosagap, Co.Bas e CESM volvían concentrarse con pancartas para reclamar a destitución do equipo directivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Insisten en que o persoal dos centros sanitarios de Pontevedra continúan coas mesmas demandas. Solicitan máis seguridade para facer fronte á covid con garantías e demandan máscaras FFP2 para todo o persoal ante o recoñecemento de que a transmisión se produce principalmente en espazos pechados. Piden, entre outras medidas, control de acceso aos centros hospitalarios para evitar contagios e cambiar a política de contratación de persoal para evitar a precariedade.
Lamentan que desde a xerencia da área sanitaria siga sen haber un ofrecemento de diálogo e ante a situación este mércores en rolda de prensa anunciarán a convocatoria dunha nova concentración o venres 27 na Praza de España a partir das 19.00 horas aberta á participación da cidadanía.