Protección Civil completou 240 operativos en Cerdedo-Cotobade durante o 2020

Cerdedo Cotobade
07 de xaneiro 2021

A agrupación que preside Javier Lois foi fundamental durante os meses máis duros da pandemia ao encargarse da repartición a domicilio de subministracións básicas e da desinfección de espazos públicos, ademais da atención en toda clase de emerxencias e accidentes

Voluntarios de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade interveñen na extinción dun incendio forestal
Voluntarios de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade interveñen na extinción dun incendio forestal / Concello de Cerdedo Cotobade

A agrupación de voluntarios de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade pecha o ano 2020 con máis de 240 operativos relacionados con atención a emerxencias e accidentes, repartición de alimentos e elementos protectores fronte á covid-19, distribución de medicinas e extinción de incendios, entre outras actuacións.

Durante o primeiro mes do estado de alarma, os voluntarios realizaron 90 servizos, principalmente repartición a domicilio de subministracións básicas a persoas vulnerables ou desinfeccións de espazos públicos, relacionados coa crise sanitaria que resultaron un apoio fundamental para o  Concello.

Este colectivo cumprirá o próximo mes catro anos de vida e dúas, baixo a coordinación de Javier Lois. Neste período, a formación afrontou un proceso de especialización e acción rápida ante calquera tipo de emerxencia. 

"Estou moi orgulloso e satisfeito do equipo que conformamos e do rendemento social que supomos para un concello como o noso. Esta dedicación e entrega é o que nos fai ser moi operativos e nos permite aumentar os nosos coñecementos formativos para actuar do mellor xeito posible nos incidentes e nos problemas que se nos presentan en materia de asistencia e socorro á cidadanía", indicou o presidente da agrupación. 

O colectivo de voluntarios de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade está composto por un total de 15 persoas distribuídos por todo o termo municipal.