Protección Civil de Caldas incorpórase á Rede Dixital da Dirección Xeral de Emerxencias

Umia
16 de abril 2016

A agrupación, ao igual que a de case 100 concellos galegos, manterá en constante actualización anual o Catálogo de Medios e Recursos de Protección Civil. Tamén van manterse en conexión coa sala do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia

Integrantes de Protección Civil de Caldas
Integrantes de Protección Civil de Caldas

A agrupación de Protección Civil de Caldas incorporouse á rede dixital de comunicacións de emerxencias da Xunta. Desta forma conta cun novo terminal de comunicación e reforzará as súas prestacións ante grandes eventos, probas deportivas e operativos de prevención.

Trátase dunha rede única que facilitará as intervencións dos efectivos e simplificará as tarefas de coordinación. Ademais esta nova rede, segundo indicaron desde a Xunta de Galicia, integrará de forma progresiva a todos os efectivos de emerxencias de Galicia, desde bombeiros a policías, pasando por voluntarios de Protección Civil ou axentes que traballan na loita contra os incendios forestais.

O xefe de Agrupación, José Sieiro, anunciou que, ademais, atópase practicamente pechado o programa do primeiro Congreso de Protección Civil de Caldas con motivo do 20 aniversario coa presenza de máis de seis relatores e a implicación de varias empresas de Caldas.

A próxima semana abriranse as inscricións para este evento que contará co respaldo da Academia Galega de Seguridade Pública para a certificación da actividade que contará cun alto contido multidisciplinar integrado. Sieiro destacou o respaldo do alcalde Juan Manuel Rey e do Concello na organización deste acto.