A agrupación local de Protección Civil e a Garda Civil recibirán a medalla de ouro do Concello de Poio.
Así o deu a coñecer este mércores o Concello, que iniciou o procedemento para outorgar esta distinción a proposta do alcalde, Ángel Moldes, para trasladarlles o agradecemento e recoñecemento da veciñanza de Poio "pola súa incansable e importante labor no municipio".
A proposta foi aprobada esta mañá na comisión informativa de Facenda e supón entregarlles unha das distincións máis altas previstas no regulamento municipal.
Esta medalla de ouro está dirixida a premiar servizos relevantes e excepcionais prestados en beneficio da vida administrativa, cultural, artística, urbanística, industrial, económica... do concello de forma desinteresada e altruísta.
Desde o goberno local poñen en valor as tres décadas de servizo de Protección Civil de Poio, "demostrando que son un exemplo de como o traballo en equipo e o altruísmo poden marcar a diferencia na vida das persoas".
Destacan que actualmente Protección Civil de Poio está composto por máis de 35 persoas voluntarias, que "entregan o seu tempo para axudar aos demais".
"Son os primeiros que chegan en situacións de emerxencia, cos que sempre se pode contar para calquera tipo de incidencia, desde inundacións, ata temporais, accidentes, extinción de incendios, pero tamén en todos os operativos de seguridade de eventos culturais, lúdicos e deportivos nos que velan porque todo transcorra con normalidade e transmiten confianza e tranquilidade mentres eles renuncia a disfrutar deles", destaca o Concello a través dun comunicado.
A medalla tamén quere enxalzar "o compromiso, a dedicación, a presencia e a colaboración permanente" da Garda Civil co municipio. Destacan que ten unha relación histórica e un arraigo importante en Poio, ofrecendo apoio en emerxencias, asistencia e prevención, para garantir en todo momento a máxima seguridade á cidadanía.
