Protesta da Mesa Pola Normalización Lingüística polo "foro de insulto á toponimia" na Toxa

O Salnés
29 de setembro 2023

A Mesa Pola Normalización Lingüística celebrou este xoves no Grove unha concentración de repulsa polo que entenden por "deturpación do topónimo da Illa da Toxa" na celebración dun Foro que, aseguran, fai desta agresión á lingua galega o seu sinal de identidade

Concentración de protesta da Mesa Pola Normalización Lingüística xunto á ponte da Toxa
Concentración de protesta da Mesa Pola Normalización Lingüística xunto á ponte da Toxa / A Mesa Pola Normalización Lingüística

A Mesa Pola Normalización Lingüística celebrou este xoves no Grove unha concentración de repulsa polo que entenden por "deturpación do topónimo da Illa da Toxa" na celebración dun Foro que, aseguran, fai desta agresión á lingua galega o seu sinal de identidade.

Segundo o presidente da entidade, Marcos Maceira, "a mobilización, as miles de sinaturas recollidas a favor da toponimia e a denuncia da falta de cumprimento da legalidade toponímica conseguiron que cada ano menos autoridades públicas queiran participar neste foro de insulto á toponimia como pegada da lingua e cultura galega sobre o seu territorio".

A pesar diso, denuncian, que "o presidente da Xunta manteña a súa participación nun acto cuxa carta de presentación é o ataque á toponimia galega e á lexislación que a oficializa".

A concentración de protesta levou a cabo á beira da ponte que dá acceso á Illa da Toxa.