Detrás dunha pancarta na que se lía 'Un enchufe clamoroso', representantes sindicais, alumnos, profesores e o concelleiro nacionalista en Pontevedra, Alberto Oubiña, concentráronse ante as portas da Escola de Conservación e Restauración durante este venres 27.
Desta forma queren seguir denunciando a vacante adxudicada no recente concurso de traslados a Beatriz Seco. Consideran que se trata dunha adxudicación irregular porque a materia que impartiría de 'Restauración de documentación grafico' non se imparte na Escola pontevedresa.
A profesora é funcionaria de carreira en Asturas e aínda non se trasladou a esta nova praza, segundo indica Fernando Carreira, representante do profesorado do centro. A través dun comunicado, os manifestantes reclamaron a selección de profesorado a través de criterios obxectivos e non por "amiguismo".
Insisten en que esta profesora está moi ben relacionada con altos cargos da Xunta de Galicia e lamentan ademais que desde a administración autonómica non se recoñeza a gravidade dun asunto denunciado xa ante a Fiscalía. Segundo Carrera, desde a Consellería quérese atacar os denunciantes creando "dúbidas sobre a capacidade docente" do actual profesorado da Escola.
A concentración serviu tamén para reclamar da consellería de Educación a opción de poder participar en condicións de igualdade en mestrados e doutoramentos universitarios. Sinalan que este ano a Escola cumpre 25 anos de existencia e queren converterse no futuro nun centro modelo, de referencia para o patrimonio cultural.