Protesta na Peregrina en defensa da sanidade pública

Pontevedra
13 de xuño 2021

Os sindicatos CGT, CAS, Prosagap e STEG organizaban esta protesta na praza da Peregrina reclamando a derrogación das leis privatizadoras da sanidade e que se supriman as redes paralelas e a compatibilidade público-privada dos recursos sanitarios. Denuncian ademais as malas condicións en que traballa o persoal nos centros pertencentes ao SERGAS

Concentración en defensa da sanidade pública
Concentración en defensa da sanidade pública / Cristina Saiz

Ao redor de cen persoas protagonizaban durante o mediodía deste sábado unha concentración na praza da Peregrina en defensa da sanidade pública. Esta convocatoria organizábana os sindicatos CGT, CAS, Prosagap e STEG coincidindo con outras sesenta localidades españolas.

Denuncian a situación de malas condicións laborais do persoal dos centros sanitarios pertencentes ao SERGAS, que terminan por crear o desánimo e a marcha dalgúns profesionais a outras áreas xeográficas. 

Para que se resolva a actual situación piden que se derrogue a Lei 15/97 e o artigo 90 da Lei Xeral de Sanidade, ademais piden que non se desmantelen os centros sanitarios. Reclaman tamén que se supriman as redes paralelas e a compatibilidade público-privada.

Estas centrais sindicais esixen atención e coidados dignos para as persoas de avanzada idade e un sistema sanitario que se centre na prevención. Outro dos puntos centrais das súas reclamacións atópase na creación dun sistema farmacéutico publico e unha industria de investigación biosanitaria.