Protesta tras dous meses limpando sen cobrar as oficinas de Tráfico da Garda Civil

Pontevedra
11 de novembro 2021

Desde o sindicato Comisións Obreiras alertan de que a Dirección Xeral de Tráfico, da que dependen estas oficinas, pídelles que esperen polas súa nóminas, sen concretar prazos, e pola súa banda a empresa concesionaria escúsase en que non pode pagar os salarios ás traballadoras porque a DXT aínda non lle abonou as mensualidades pendentes

Protesta polos impagos de Yaunde, concesionaria da limpeza nas oficinas de Tráfico da Garda Civil
Protesta polos impagos de Yaunde, concesionaria da limpeza nas oficinas de Tráfico da Garda Civil / PontevedraViva

Hai case quince días que as traballadoras da empresa Limpiezas Yaunde, subcontratada para limpar as oficinas de Tráfico da Garda Civil en Pontevedra, concentráronse diante da Subdelegación do Goberno para denunciar que levaban un atraso de mes e medio no pagamento das súas nóminas.

A situación nestes momentos é desesperada porque xa suman "dous meses completos sen cobrar, dous meses sen ingresar cartos polo seu traballo", segundo informa Isabel Rúa Gómez, responsable comarcal de Comisións Obreiras de Pontevedra e Arousa, quen estivo presente na concentración que este xoves 11 de novembro levou ás traballadoras da subcontrata de limpeza a protestar de novo diante da Subdelegación, co apoio duns 50 integrantes do sindicato.

As traballadoras, que se rexen polo Convenio colectivo de limpeza de oficinas e despachos das diferentes provincias onde teñen o seu centro de traballo coa categoría de peoas da limpeza, suman á falta de pago das últimas nóminas, os continuos atrasos no aboamento dos salarios ao longo do ano.

O sindicato contactou coa empresa Limpiezas Yaunde e coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT), que é o organismo do que dependen estas oficinas con sede na Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.

Por parte da empresa de limpeza informaron de que "non se lles vai pagar, que é un problema da DXT, que a DXT non lles paga a eles mensualmente e que non teñen esa cantidade diñeiro para adiantar os salarios ás traballadoras", manifesta Rúa Gómez.

En canto á DXT, "supostamente están dando os seus pasos, pero nós non o cremos, dinnos que hai que esperar, pero as traballadoras levan dous meses completos sen cobrar, e sabemos que fóra de Pontevedra hai traballadoras que levan máis tempo sen cobrar", lamenta a responsable comarcal.

Con esta segunda protesta na rúa, o sindicato, que apoia ás tres traballadoras afectadas en Pontevedra e outras tres máis repartidas entre as localidades de Vilagarcía, Porriño e Lalín, quere facer presión para que a DXT "rescinda contrato, isto sairía novamente a concurso, sería unha licitación nova, onde pasarían a outra empresa e a raíz de aí arranxar o problema".

Neste sentido, a Federación do Hábitat de CCOO de Galicia informaba nos últimos días que xa ten presentado de maneira coordinada varias denuncias diante da Inspección de Traballo para conseguir que "a empresa asuma as consecuencias dos incumprimentos que está cometendo cunhas traballadoras que teñen xornadas reducidas e salarios precarios que son a base principal do seu sustento", á vez que anunciaba a presentación dun "recurso administrativo ante o Xulgado de contratación pública para que esta empresa sexa penalizada e non volva a concursar ante as Administracións".