Proxectan a reforma da zona verde entre a rúa da Estación e Josefina Arruti

Pontevedra
21 de xaneiro 2016

O proxecto contempla refacer a beirarrúa pegada ao edificio e intervir na zona verde creando sendas con madeira e xabre, onde se instalará mobiliario urbano como papeleiras e bancos. Tamén se plantarán novas especies como setos, cipreses, hibiscos, arces, entre outros, ademais de céspede e iluminación

Traballos de asfaltado na nova rotonda da rúa Estación
Traballos de asfaltado na nova rotonda da rúa Estación /

O Concello reformará a zona verde situada na rotonda de entronque das avenidas da Estación e Josefina Arruti, onde se atopaba o Centro de Arte Jaime Trigo.

Así o avanzou o concelleiro Luis Bará, que recoñeceu que se trata dun espazo que se atopa en mal estado e no que é preciso intervir para eliminar os afundimentos na beirarrúa e reparar toda a zona verde.

O proxecto contempla refacer a beirarrúa pegada ao edificio e intervir na zona verde creando sendas con madeira e xabre, onde se instalará mobiliario urbano como papeleiras e bancos.

Tamén se plantarán novas especies como setos, cipreses, hibiscos, arces, entre outros, ademais de céspede e iluminación.

Luís Bará destacou que se trata dunha actuación pequena pero que vai a mellorar a imaxe deste espazo, así como a seguridade e accesibilidade dos peóns, ofrecendo máis comodidade aos veciños.

As obras comezarán no prazo aproximado de dúas semanas, unha vez que rematen os traballos que se están a realizar na praia fluvial e o carril-bici que o Concello está a completar cara o campus.