O antigo matadoiro municipal de Cuntis converterase nun ximnasio.
É o proxecto polo que aposta o Concello de Cuntis, nunha actuación que pretende financiar con fondos do III Plan Extra de Infraestruturas Deportivas da Deputación.
Trátase dun proxecto que xa se remitiu á administración provincial cun orzamento de 96.877,45 euros.
No documento detállanse os traballos que serán necesarios para habilitar o futuro ximnasio.
Será necesaria a recuperación integral do inmoble, que pasaría a contar con todos os servizos básicos e unha nova cuberta. Unha vez rehabilitado, dotaríase de equipamento deportivo para acoller as actividades que alí se desenvolvan.
Ademais, o Concello avanza a súa intención de mellorar os accesos.
"Queremos aproveitar este espazo, que xa é de titularidade municipal, para convertelo nun punto de atracción no que a deporte e lecer se refire, para persoas de todas as idades", explicou o alcalde de Cuntis, Manuel Campos.
Unha vez autorizado o proxecto con fondos asignados e licitadas as obras, o prazo estimado para convertelo en realidade estímase nos seis meses.